off
Cedeira, Galiza, Historia, Política — 19 Novembro, 2011 at 06:59

Cedeira, os corsarios e a Armada Galega

por


 
“A vila de Cedeira é porto aberto onde acude xente de moitas partes”.  
Documento de 1681

Enfío nesta nova cós feitos relatados no artigo “Rebato e insulto do 2 de Xullo de 1747”, recuperando a  importancia do crecente comercio marítimo na idade moderna na costa galega que quedou presente na documentación herdada. Así como a  frecuencia dos ataques de arxelinos, franceses e ingleses con patente de corso (patente que por certo tamén expedían os monarcas españois para atacar outras xentes doutras costas ), e do prexuízo no que a coroa sumía ao litoral galego embarcada en continuas e encarnizadas guerras por intereses alleos e que condenaban as mal defendidas costas e aos seus habitantes ao arbitrio do inimigo de quenda da coroa española.

Tal foi así que na Ría Cedeira  aconteceron feitos que testemuñan as relación comerciais marítimas con navíos estranxeiros ademais de ataques corsarios, documentos de tales feitos foron estudados polo cronista do Concello de Cedeira Rafael Usero e que quedaron recollidos nun interesante traballo de principios dos anos oitenta, “El Castillo de la Concepción”, extraídos dese texto:

 1582.-…“os veciños de dita vila viven fronteira do mar i en porto e costa aberta onde acostuman a acudir de ordinario moitos corsarios”.

1587.-…”Polo Sarxento Maior, que pola súa maxestade reside nos portos de mar desta vila, Ferrol e outras partes para previr á xente e os lugares e armas para que estean apercibidos contra os ingleses e luteranos, mandouse con moita instancia facer e aderezar os ditos muros e balados de Cedeira”.

1624.-Hai constancia en outubro deste ano de que un mariñeiro de Cedeira “se acha captivo” en Arxel haberá un ano e medio e de que foi apresado na ría de Cedeira.

1625.-…”Pedro Freire de Andrade, Alcalde ordinario de dita vila e a súa xurisdición”, di que se lle notifica orde do Sr Duque, Gobernador e “Capitán General” deste reino que hai novas de inimigos e corsarios e que se reedificaran e ergueran os balados e murallas desta vila que “das mais están parte delas caídas e desamoreadas”…”notifíquese aos veciños fagan facer e erguer e limpar o que a cada freguesía “tocare”.

1635.-…”Estaba en Cerdido o francés Michel Fleury Mestre e Capitán do navío San M (-?-) e este da poder ao cura da parroquia para que en nome do mesmo capitán poda cobrar de certo escriban de Cedeira, cento oitenta e dous reais “que me debe e está obrigado a me pagar por razón de catorce potes de fierro que lle vendín en dito prezo”.

1642.-Certo persoeiro de Cedeira que tiña o cargo de “Fidel arbitrio do un por cento que se cobra neste reino de Galicia das mercadorías que veñen de sobre mar e administrador das alcabalas da dita vila que pertencían á Condesa de Lemos, da poder a un dos veciños procuradores da Real Audiencia para facerlle cobrar a Ricardo Yras, mercader inglés que chegou no navío La Gracia ao peirao de Cedeira, a alcabala polo desembarco das mercadorías mais o un por cento do resultado desta venda.

21 de Xuño de 1678.- “Pedro que así dixo chamarse, nación francesa, Mestre da barca nomeada La Margarita veciño de Penerque,  Franza,  que ten surta na Praia desta vila, trouxo con carga de sal , dirixido pola administración deste reino polos alfolís desta vila.

1678.- Fálase dunha produción anual dunhas hortas de “OVeco” Piñeiro, próximas a Cedeira valoradas en “dez ducados ou mais pois só de laranxas, pódese quitar mais”…”pola saca que cada un ano hai de franceses que trae sal para o alfolí desta vila, que sempre mercan semellante froita”.

Estes documentos referidos á nosa vila son un exemplo de moitos aconteceres ao longo da costa, Galiza non sen poucas nen  teimosas peticións á coroa contou cunha armada porque entendeu que debía defender con medios propios a costa galega. Nun escrito que ven a ser un reconto de barcos do ano 1538, cóntase como se atopa ancorado en Vigo un navío de “cen toneis” que serviu na armada do reino de Galicia e da que foi capitán o conde de Altamira,   tamén Manuel Murguía afirmaba que o estandarte de Galicia ondeara nos buques que participaran na batalla de Lepanto.

O 7 de Xullo de 1628 chegou notificación á Xunta do reino de que se concedera  escuadra con Xeneral e Almirante e que estes e os capitáns, soldados, mariñeiros, ministros e oficiais dela fosen todos galegos e que de perderse barcos se construirán outros para que esta armada así o fora de carácter permanente.

A partir do 1628 equípase esta con oito galeóns e un patache, catro construídos en Ribadeo, os demais en Oza, A Coruña.

 A Coruña pediu tamén á Xunta do Reino que mercara barcos naturais antes que estranxeiros pois algúns construídos para a escuadra nos países baixos non lles resultaban mariñeiros. Hai tamén constancia da perda de galeóns en distintos naufraxios e ataques.

Na segunda metade do século XVII xa non hai novas da escuadra e dos navíos polo que se supón desartellada xa aquela armada galega  na que a Xunta do reino de Galicia investira case un millón de ducados.

Sen armada e sen defensas de xeito na costa así acontece o “insulto” do 2 de Xullo de1747 na ría de Cedeira, o ataque corsario que incendiou aquel convoi de corenta e un barcos mercantes.

Repetíase a historia do século anterior cando aínda non fora abolida a Xunta do reino de Galicia polos borbóns e esta reclamaba teimosamente a demanda dos galegos do litoral decidos loitar polo dereito a crear a súa propia armada de defensa, ante o abandono por parte das autoridades da monarquía borbónica e o seu exercito, aínda imperial e que participaba na Guerra de Sucesión Austríaca causa do ataque na ría, entre outras cousas pola aspiración de Isabel de Farnesio viúva  Felipe V de recuperar territorios italianos e colocar aos seus fillos como príncipes de estados satélites

Así Cedeira decidiu construír a súa propia fortaleza. Deu as trazas do edificio o capitán de fragata Domingo Antonio Pérez, o traballo foi cousa do pobo que contaba con só uns 580 habitantes e moi poucos medios. O baluarte da Concepción rematouse poucos meses despois do ataque inglés, en decembro de 1747.

Tamén quedou documentado o trato que a monarquía lle deu ao esforzado, insultado e desprotexido pobo da vila de Cedeira:

Decembro de 1747…”por D.Francisco Antonio García de Lores, xuíz e xustiza ordinaria da vila e xurisdición de Cedeira.  Discorreuse facer una batería á cercanía daquela vila e para a súa fábrica precisouse aos vasalos concorresen como o fixeron, así no traballo como na condución dos materiais, nos que lles ocupou algún meses con bastante desfalco e prexuízo das súas casas e familias. E non contento con isto despois fixo comparto de “crecida” suma de marabedís en todos os mais vasalos. E como non puidesen soportar tanto cargo e gravame, maiormente comprendendo así aos nobres como aos plebeos, sen distinción de estados e circunstancias”.

Estes textos están extraídos de longas horas de procura e estudo de documentos de arquivos polo cronista local do Concello de Cedeira, Rafael Usero e que quedaron recollidos nun interesante traballo de principios dos anos oitenta, “El Castillo de la Concepción”.

Pero si vostede procurase en calquer enciclopedia a Historia de España, esta contaralles que…” durante o reinado de Felipe V iníciase a reconstrución da armada española e a modernización da súa flota”…

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: