off
Normalización lingüística — 16 Novembro, 2011 at 5:36 p.m.

Galego: língua de proximidade

by
 

Cando en 1983 o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística e un ano despois, en maio de 1984, case douscentos rexedores galegos xuntábanse en Compostela para asinaren a chamada Declaración dos Alcaldes -a iniciativa do primeiro edil compostelán Xerardo Estévez e da Asociación de Funcionarias/os para a Normalización Lingüística- a lingua propia do país estaba aínda fóra de practicamente toda a vida pública, económica, social e administrativa dos nosos concellos.

Malia casos excepcionais como os das alcaldías acadadas desde 1979 por forzas políticas nacionalistas (BNPG, Unidade Galega) e uns poucos honrosos casos de concellos rexidos por forzas políticas estatais (entre eles, a propia Compostela), onde si se comezara a facer do galego lingua normal de actuación –non sen limitacións e dificultades -, a maioría dos municipios galegos continuaba, en termos lingüísticos, a funcionar exactamente igual que no franquismo e antes: a única lingua oficial posíbel era o castelán.

A Lei de Normalización concretou o alcance legal do concepto de “lingua propia” que fixaba para o galego o artigo 5 do Estatuto de Autonomía e precisou en que consistía aquilo da “oficialidade” do galego. Ben é certo que era aquela unha lei declarativa, practicamente sen valor prescriptivo ningún, agás no referido á toponimia propia, e por tanto decorativa na práctica para aqueles axentes sen vontade política de a aplicaren. Porén, é tamén innegábel que inaugurou un marco legal antes inexistente para o galego que, de haber a imprescindíbel vontade política, podía iniciar un proceso de normalización lingüística merecente de tal nome, cando menos no ámbito da Administración, no ensino, a xustiza ou os medios de comunicación de titularidade pública.

Un dos ámbitos nos que maiores esforzos normalizadores se investiron e investen foi, evidentemente, o do ensino. Cunha inmensa maioría da poboación lastrada polo analfabetismo na súa propia lingua (mesmo a pesar de esta ser a única empregada na vida cotiá) a consecuencia da total exclusión do galego no sistema educativo desde a súa progresiva universalización ao longo de todo o século XX, cumpría o obxectivo de que as novas xeracións chegasen á vida adulta con plenas competencias lingüísticas en galego.

Outro dos puntos básicos do proceso de restauración de usos e funcións do galego foi a Administración, se ben con diferenzas, dificultades e mesmo resistencias moi notorias, aínda hoxe, en función da titularidade competencial: Xunta de Galiza, concellos e deputacións e administración central con sedes territoriais no país. No primeiro dos casos podíase partir coa certa vantaxe –outrosí de haber a vontade política que porén non houbo –ao ser unha administración que partía de cero e que, desde o inicio, podía funcionar en galego. Nos outros casos, ao seren administracións con estruturas e funcionamentos preexistentes, a complexidade de introducir unha nova lingua oficial eran e son outras: pénsese, por exemplo, na resistencia do funcionariado de habilitación estatal (os secretarios municipais ou parte do persoal dos tribunais de xustiza, a comezar polos xuíces, por exemplo) a asumiren que, para traballaren nun territorio con lingua propia onde esa lingua é oficial, deban coñecela en igualdade de condicións co castelán, segundo o artigo 3 da Constitución a lingua oficial do Estado.

A pesar de todo, o galego foi avanzando aos poucos para se converter, non sen sonadas e conflitivas excepcións, na lingua oficial e vehicular da maior parte dos concellos de Galiza: a isto axudou a promulgación da Lei 5/88 de uso do galego polas entidades locais ou a Lei da Administración Local de 1997, ampliación da anterior Lei de Bases da Administración Local.

Outra vez a vontade política foi determinante para que algúns concellos –lamentabelmente, aínda unha minoría –aprobasen e desenvolvesen, para alén da lexislación de carácter xeral que estabelece o uso do galego como lingua oficial, regulamentos, ordenanzas ou plans de normalización ou de usos da lingua galega, a miúdo elaborados desde o consenso entre as distintas forzas políticas e coa participación e o acordo de diferentes axentes económicos, sociais ou culturais suficientemente representativos. Tamén a consecuencia deste especial compromiso co impulso do proceso normalizador desde os concellos comezaron a aparecer nalgúns deles os servizos municipais de normalización lingüística, cuxa continuidade é agora ameazada pola eliminación das axudas oficiais para a promoción da lingua nas entidades locais que a Xunta viña concedendo, ininterrompidamente, desde hai 20 anos.

A aprobación por unanimidade parlamentaria en 2004 do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, cuxa elaboración veu precedida dun proceso onde tamén participaron os concellos a través da FEGAMP, supuxo unha reactualización dos retos e necesidades do proceso normalizador na administración local. Eis as medidas concretas que o Plan xeral propón impulsar (un Plan elaborado, por certo, cunha maioría absoluta do PP e cun tal Alberto Núñez Feijóo sendo vicepresidente da Xunta naquela altura):

1.- Garantir a utilización da denominación xenuína, en galego, dos nosos nomes de lugar, tal e como sinala a primeira proposta de resolución do PXNLG.

2.- Garantir que os cargos da Administración local fagan uso público tanto oral como escrito, de xeito sistemático, da lingua galega no desempeño da súa responsabilidade pública.

3.- Estabelecer que nos pregos de condicións e concursos se inclúa de oficio a cláusula de que as ofertas e estudos técnicos que se acompañen deberán, polo menos, estar redactados en galego.

4.- Estabelecer que todos os departamentos e organismos dependentes das deputacións e concellos (oficinas de atención ao público, instalacións deportivas, televisións e radios municipais, servizos de augas, etc.) teñan a lingua galega como lingua xeral de referencia oral e escrita.

5.- Estabelecer que os actos xurídicos documentados e as relacións xurídicas e notariais da Administración local que se refiran a actividades de ámbito galego se redactarán normalmente en lingua galega.

6.- Estabelecer que as intervencións xudiciais da Administración se realizarán en lingua galega.

7.- Estabelecer que todos os traballos topográficos e cartográficos que fagan ou encarguen as administracións (maioritariamente, deputacións e concellos, os servizos de concentración parcelaria e o catastro) teñan que levar incorporada a recollida de microtoponimia, conforme o sistema deseñado pola Comisión de Toponimia da Xunta, e que o material toponímico recollido deberá ser remitido ao SITGA para a súa organización e posta a disposición da sociedade na Rede.

8.- Estabelecer que todos os contratos e axudas públicas, de calquera tipo, deberán producir un aumento efectivo da presenza do galego na entidade receptora, e avaliar o cumprimento.

9.- Estabelecer normas xerais e uniformes sobre capacidade lingüística exixíbel nos procesos de acceso á función pública e no desempeño desta función.

10.- Programar un novo proceso de formación lingüística do funcionariado que teña como obxectivo mellorar as actitudes, a fluidez expresiva e mais o coñecemento do vocabulario técnico específico.

11.- Deseñar programas de fixación e divulgación de linguaxe administrativa en coordinación coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e TERMIGAL (Servizo Terminolóxico de Galiza).

12.- Estabelecer que as respostas telefónicas das administracións locais a toda cidadá ou cidadán deben ser inicialmente en galego, a denominada “oferta positiva”.

Aliás, a declaración efectuada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) o ano pasado para conmemorar o 25º aniversario da Declaración dos Alcaldes de 1984 propón que:

1.- Se tramiten en galego os procesos xurisdicionais nos que sexan parte as corporacións e, especificamente, que os avogados e procuradores que representan e defenden as administracións públicas se expresen habitualmente nesa lingua.

2.- Se redacten en galego as escrituras públicas e as inscricións nos rexistros públicos promovidas polas corporacións locais, para o que se cursarán as instrucións oportunas aos seus asesores xurídicos.

3.- Se incorpore o galego como lingua habitual de traballo das forzas da policía local, tanto a nivel interno como nas súas relacións cos cidadáns e coas demais administracións públicas, especialmente cos órganos xurisdicionais.

 Agora, despois de leren, comparen coa realidade e comproben se no seu concello as palabras, as declaracións e as promesas viraron en feitos ou se, pola contra, seguen descansando sobre o papel, durmindo anestesiadas o soño dos xustos.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off