Ignoramos se os cedeireses precisan saber a estas alturas que non abondou co máxico regreso do PP para reaxir, medrar, reducir déficit e crear emprego, todo ao tempo. Nen en Cedeira nen en Galiza. De feito, a volta de Olláparo foi produto do desencanto producido polo eterno retorno do mesmo, dos mesmos. Dos mesmos intereses oligárquicos.
E de constatarmos, tamén, de que todo o que é sólido esvaece no ar, que dicía Marx ao constatar como a economía capitalista emprendía unha viaxe sen volta atrás. E seremos quen de porlle freo?A isto chámaselle optimismo da vontade.
Non se albisca mar calma logo da galerna de 2011: recesión e medre do paro (agora xa por riba de media do estado español), a sanidade en barrena, a educación pública nunha espiral de degradación e as rendas aínda máis baixas do que xa eran . A isto chámaselle pesimismo, ou se queredes, realismo.
Se algo hai que tirar de todo isto é que o déficit democrático que padecemos está a erosionar a nosa percepción do que somos e do que queremos os galegos neste escenario de complexidade. Móstranos o tamaño da nosa impotencia ao renunciarmos, ano tras ano, á nosa soberanía. Preferimos a lexitimidade allea. E estamos a perder até o dereito á queixa. Non se queixa quen é invisibel e acepta sen enmeda a reducción da política a simples xestión “dos que saben“. Onde é que foi o siso dos galegos ? Alguén cun mínimo sentidiño pode tomar a serio ocurrencias electorais do estilo “hay que hacer las cosas como dios manda” ou “devolver el orgullo de ser español” (sic)?
Cómpre reflexionar porqué o país precisa o compromiso político de todos os cidadáns. Lévamos décadas de voto acrítico e agora pode virar a ser pura desafección da política e dos políticos sen matices, sen asumirmos que os cidadáns temos responsabilidade directa en como lle vai á democracia e ao estado de benestar.
Cando eramos rapaces os nosos pais e avós tiñan confianza na decencia, no esforzo, no traballo…e na cultura. Estudia rapaz, estudia– dicíannos. Sabedores de que iso era bo para a casa, para nós, para a xente, para nós coma colectivo e coma pobo e non apenas como medio privado de medre persoal. Era a menciña que nos daban para crear cidadáns libres. Cando se perdeu esa arela ?.Temos a certeza de que cómpre máis democracia e máis vontade popular e menos fachenda elitista. Como se a cidadanía non estiver madura para entender. O que está a acontecer en Grecia e Italia é preocupante. Temen os políticos e tecnócratas que taponan a saída que os ocupen? Cómpre decatarse que a fin non é o euro nen salvar os bancos que emprestaron cartos sen solvencia, non, o obxectivo é a cidadanía máis aló do mecanismo encorsetado das eleccións. Xa o dicía Kissinger, entre salvar a democracia e a economía sempre se optou por salvar a economía (dos que máis poden, madialeva!).
Nos últimos anos estamos a escoitar voces que esgrimen a liberdade para defenderen privilexios ou o absurdo de viviren en Galicia de costas á cultura galega facendo apoloxía da ignorancia. Mais, onde é que hai liberdade se hai desigualdade e non se atallan as disparidades sociais de orixe? Os mesmos que teima na defensa do ensino privado, no copago da sanidade, no descrédito dos servizos públicos e no menosprezo da igualdade de oportunidades… Nun outro artigo alertabamos que segundo un estudo norteamericano a contención do gasto e a coitelada ao Estado do benestar coma únicas receitas neoliberais non ían xerar emprego.
Sermos galegos debería ser unha condición, mais está a derivar en problema da man dos tecnócratas e aproveitados. Os mesmos que din non facer política, senón xestión. Velaí o miolo do engano para faceren a política os que non deixan facer política, os que se mofan dela, se declaran apolíticos e refugan de todo intelectualismo. Esa é a máscara do que non da a cara.
Neste escenario de lexitimidades derivadas, teimar en reducir o noso perfil soberanista é un suicidio. Velaí a opción de Feijoó: contentarse con xestionar as pequenas ambicións, esas que a miúdo se confunden co oportunismo demagóxico que, segundo Gramsci, crea o deserto arredor. Mais pode existir proxecto político, Galicia en proceso de actualización e creación, sen ambición?
Galicia na “guerra de posicións” da política estatal e europea ocupa o non-lugar, apenas un espazo xeográfico do noroeste da península. Cómpre apenas reparar no feito de que cando foi decisiva e favorabel a conxuntura estatal para reforma do Estatuto, Galicia non foi quen de estar preparada para inserirse eficazmente no momento. A perda das caixas é máis do mesmo. Os votantes do PP (e do PSOE) que recunquen van correr o risco de merecer o que saia. Máis mercado e máis poder para os lobbies financieiro, de comunicación, inmobiliario e enerxético, máis conxelación das pensións e menos e piores servizos públicos, en fin, menos Galicia e máis España monocolor.
Cómpre irmos alén da retorica electoral porque sabemos que as sucesivas maiorias da dereita non colmaron as lexítimas aspiracións de moitos galegos. Mália as frustracións e o desencanto a esquerda está viva. Por se algún cedeirés ainda non reparara, ésta é unha carta aberta na que se da pleno apoio ao BNG xa que é a única candidatura que sempre estivo aí, a dar voz á cidadanía galega en todo lugar e circunstancia, amosando durante décadas, en condicións difíciles, rectitude ética e compromiso. Os que non queremos ser cómprices do barullo neoliberal votamos BNG. Dicimos non ao retorno do mesmo, dun pasado que quere volver. Hai alternativa se optamos por modelar o noso futuro dende aquí. É posibel outro mundo e outra Galicia. Somos máis do que unha suma de deputacións. Niso andamos os olláparos. Vota.
No entanto, perante a desfeita que nos anuncian, reconfórtanos a palabra de Celso Emilio:
Aprende a decirlle non
ó paisano denigrante,
ó logreiro, ó negociante
da túa triste condición.
De que despertes é hora,
dilles que non, logo berra
que eres bon fillo da Terra,
que estás coa Nai e Señora.
Moi bon o xogo de palabras ! Agora xa din que non hai “variña máxica” . Feijóo gabábase de ter un goberno de expertos, e xa ves o perfil do seu goberno: o máis baixo de todos os gobernos galegos. E ía solucionar o paro en cen dias! Deixádeme só !
Monti en Italia, un tecnócratra que foi o coordinador da entrada da liña de moi alta tensión en Cataluña dende Francia, conselleiro asesor da Coca-Cola, e asesor de Goldman Sachs, o banco de investimentos responsabel da crise financieira, aí o tés, de presidente sen pasar por unhas eleccións. O ambiente antipolítico trae estas mutacións. O programa da indefinición do PP está moi ben calculado para o que van facer. A Europa vertical aproxímase e nós, os galegos, en stand-by.
Cando naceu a democracia, trala dictadura franquista, o lema xeral era: “Aquí sobra un cacique, aquí falta un alcalde”. Agora tornouse en: “Aquí sobra un tecnócrata, aquí falta un político”.