off
Cedeira, Economía, Política — 10 Novembro, 2011 at 7:40 p.m.

The economy, stupid

by

O dia 7 o Concello de Cedeira aprobou unha modificación impositiva que van supor un aumento das taxas da recollida do lixo, da auga, do imposto de circulación e dos vados e que o grupo de goberno do PP prometeu reducir no seu programa electoral.

Segundo informou o exalcalde Vergara a Diario de Ferrol a suba é do 20 ao 30%  para os vados, do 4% para a rede de sumidoiros e auga. Acrescenta que o maior aumento recai na recollida do lixo nas zonas rurais (de 37 a 47 euros) e un pouco menos na zona urbana (de 61 a 63). O imposto de circulación pasa 1,2 a 1,5 euros por cv, e bonifícanse os veículos con menos emisións de CO2.

O BNG avanzou que compria aplicar exencións segundo renda e non subir os gravames de xeito indiscriminado.

A enxurrada neoliberal fíxonos acreditar que o estado do benestar caeu do ceu.  Como ben suliñou  o profesor Vicenç Navarro, o estado español ten un grande déficit fiscal que os gobernos do PSOE e do PP , tentan atallar ampliando a regresiva reducción de impostos no canto de  adicar máis fondos a reducir o déficit social. A aplicación indiscriminada de gravames é tan consustancial ao PP como o anuncio da rebaixa de impostos. Os dous son insolidarios porque perpetuan a disparidade de renda. Noutras palabras, ambas opcións mostran a escasa sensibilidade social que o grupo do PP lastra  desde a dictadura franquista. As contradiccións son moitas e non semella razonabel que sexa o mesmo partido que quere recurtar servizos o que non quere o imposto de sucesións que afecta só ao 6% da poboación ou quen deixa sen gravar fiscalmente ás rendas do capital, as SICAV e a especulación. O déficit social que  se reduxo respeito á UE foi no pequeno período de aplicación de políticas de esquerda (1975-1982 no estado español) e cos gobernos galegos de coalición.

Velaí o panorama, mentres os pequenos concellos galegos teñen problemas de financiamento o PP local aumenta os impostos directos sen matices, no entanto o PP estatal propón baixar os impostos do capital e eliminar intervencións do estado español coa fin de –segundo os gurús da FAES- estimular os investimentos e a creación de emprego. Cómpre no esquecer que a nosa é unha poboación moi envellecida e coas pensións máis baixas do estado español. Segundo o Economic Policy Institute,  “Regulatory Uncertainity” que ven de comentar Vicenç Navarro, confírmase que a baixada de impostos ten escaso impacto en estimular a demanda xa que son as rendas altas as que  máis se benefician  dos recurtes. Acontece, madialeva!, que son as rendas medianas e inferiores as que máis  consumen, portanto, a baixada de impostos aumenta máis o aforro que o consumo que seica é o que se quer estimular.

É bon rectificar. Acontece que o PP de Cedeira levaba no programa a baixada de impostos porque non contaba gañar e o que fai agora non é rectificar senón perpetuar o que xa había véndose obrigado a facer caixa sen millorar o servizo ante a previsión de que en 2012 haberá unha baixada de ingresos e un aumento dos gastos. Ante este lamentabel balanzo,  a toleada neoliberal de rebaixa de impostos estoupa a plena luz. Os gobernos do PP vense obrigados a violar o credo neoliberal, de xeito máis ou menos discreto (segue a favorecerse as rendas altas) para salvar os servizos públicos contra a súa própria lóxica ! Canto durará esta intermitencia entre o dogma neoliberal e os servizos públicos ?

O que esta suba pon en evidencia é a debilidade da nosa renda así como a asimetría entre o rural e o urbano, e non nos enganemos, a aversión aos impostos das rendas máis altas que o goberno local quer maquillar despachando o asunto cunha subida xeralizada mália o grande déficit de estructuras de benestar colectivo. Non esquezamos que durante décadas de goberno monocolor non se acometeron servizos e bens básicos como a rede de sumidoiros, a recollida do lixo ou o saneamento de augas, supeditanto calquera servizo aos intereses clientelares mentras houbo subvencións. Mesmo se abonou a idea de que era posibel ter servizos públicos mantendo unha carga impositiva de regresiva. Hai unha desigualdade orixinaria no reparto da renda que a dereita local administrou moi ben todos este anos (coa anuencia da Xunta) con servizos de pouca calidade e baixo prezo, recurrindo periódicamente á devaluación.

Logo deste cambio de programa, sabemos o que pensa o PP do estado, un pouco o da Xunta,  mais non coñecemos a posición do goberno de Cedeira. A crise xa estaba aí , e non contaron con ela. Conten coa oposición, acheguen esforzos e mostren, se o teñen, o seu proxecto de xestión.

Achamos razonabel e progresivo o aumento de tributación á rodaxe de veículos de maior cilindrada e maior prezo no mercado.

Non sería máis solidario  que pague máis quen ten máis dunha vivenda ou quen as ten baleiras?(Alguén terá que pagar o termos centos de vivendas desertas)

Non sería menos vergoñento apostar por unha suba daqueles tributos sobre o patrimonio ( o imposto de bens inmobles, a plusvalía na transmisión de propiedades) que facelo de xeito indiscriminado sobre servizos básicos?.

Sería bo que as forzas progresistas acaden acordos programáticos de goberno expresados no desexo do BNG de acadar un modelo tributario progresivo onde se paguen impostos e taxas municipais en función das rendas.

Permítome lembrarlles , como dicía Gramsci, que non é posibel  gañar o  goberno (alén da casualidade aritmética) se non se gaña a hexemonía ideolóxica.

Gabriel Beceiro

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off