off
Cedeira, Ecoloxía, Política local, Urbanismo — 31 Outubro, 2011 at 1:00 p.m.

Máis aparcadoiros. E a dignificación, u-la?

by

Temos defendido que en tempo de precariedade debería ser  a  administración pública motor  principal da economía.  Porén, esa intervención proactiva de xeración de actividade mesmo sendo paliativa, xa que no caso que imos relatar non sirve  á  economía produtiva,  debería contar cunha análise integral das carencias,  das oportunidades e prioridades para destinar os cartos naqueles ámbitos xeradores de actividade.

O Concello de Cedeira  ven de anunciar que decidiu adicar parte das axudas do Plan de Obrase  Servizos de 2012 que financia a  Deputación de A Coruña con 300.000 euros para executar un proxecto  de millora do chamado paseo maritimo, que como todos vós sabedes, arrodea os tarais, penetrando  en parte da zona dunar, por riba do que foi campo de concentración  e das antigas fábricas de salgazón.  Non hai redactado proxecto (La Voz, 30/10/2011), mais achan indispensabel recuperar o paseo, sobre todo o firme, que seica leva anos sen millora.  O goberno municipal disque vai rehabilitar a estrada  e aumentar as prazas de aparcadoiros. Cómpre poñer o retrovisor.

Daquela,  un operario cedeirés que traballou poñendo o firme, comentárame que a varilla de ferro empregada era insuficiente xunto coa a magra cementación  e a pintura antiderrapante. O mesmo firme que se puxo despois  no casco vello,  unha  cinzenta e mala imitación a pedra con aspecto de chicle. Aducía o técnico que  a  ferraxe  era pouca  para tanta superfície e para ir deitada en area,  que tan feble armadura ía durar pouco tempo, por non falar do efecto corrosivo do mar e da própria area. Nos derradeiros anos a presión constructiva na zona tamén aumentou o erosionado da estrada. Fíxeronse urbanizacións a eito e agora hai que poñer aparcadoiros. Por onde van gañar espazo? En qué consistirá o proxecto de  “organizar el espacio del camino para dar mejor servicio a los paseantes” (ou quixo dicir, aos conductores)?

Cando se len estas informacións na prensa convencional un acha a  faltar concrección, e a sobrar grandilocuencia. E senón, velaí a declaración do concelleiro de Turismo, Luis Rubido: «Dignificar el perfil de la costa cedeiresa»(La Voz, 30/10/2011).

Até onde se poden torcer as palabras? É ben sabido que a palabra “dignificar” serve para afirmar unha cousa e máis a contraria.  Somos dos que pensamos que o aumento de prazas de aparcadoiro non dignifica o xa apoucado litoral: a praia  da Magdalena e a zona dunar dos tarais está asfixiada por mar e por terra.

Será quen de revalorizar quen teima en receitar máis do mesmo?. Non está a gobernar o mesmo alcalde que propiciou a súa desfeita nos derradeiros corenta anos?.

Todo este tempo fixéronse  intervencións xustificadas baixo os retrousos de “embellecer la villa” e”fomentar el turismo”. Ambas e dúas muletiñas arrepían porque todos estes anos serviron para explicar intervencións cuestionables e irreversibles: praza da marieta, praza rectoral, firme da vila vella, praza roxa,  praza do peixe, paseo marítimo.  Todas elas alentan o mesmiño espírito unipersonal. Todas elas de calado, e todas elas executadas sen informar nen consensuar.

E sobre gustos hai moito escrito

Un dos temas que máis literatura ten xerado é o conceito de beleza.  É por iso que se di que sobre gustos non hai nada escrito, para expresar  máis ben que non somos capaces chegar a un consenso sobre o que é ou non é belo.   O futurista Marinetti, por exemplo, atopaba a máis sublime e sensual beleza nas máquinas.  Porén, son dos que pensa que podemos apreciar o valor de algo ainda que non nos produza un latexo de empatía. A beleza material e a beleza inmaterial precísanse mútuamente. A memoria do que foi precisa a pegada para non se perder na enxurrada do tempo. A beleza que herdamos e que nos pertencía a todos e a todas por igual e que aínda se pode apreciar  con saudade nas vellas, e non tan vellas, fotografías, foi deturpada e dilapidada por todos nós, tendo protagonismo especial quen agora goberna. Coa connivencia (comenencia)  de uns máis ca outros, sí, mais trátase dunha responsabiliade individual e colectiva que non soubemos asumir e que mostra o noso  fracaso coma pobo.

Como se pretende restituir agora o “valor” da liña costeira (iso é o que significa dignus, valioso, o que ten valor de seu, inherente)  se non se fixo outra cousa que desbaldar o seu valor, até  deturpala  e poñela a prezo do mellor postor ?

Anúnciase agora, máis unha vez, que se quere “embellecer”, anunciando á vez, que queren aumentar o número de aparcadoiros nunha zona que xa está afogada e espremida ao límite.

Que tipo de turismo se pretende fomentar con medidas que estimula e alentan o uso de coches que van augmentar aínda máis a presión sobre o areal?

Cando e cómo se vai inventariar a flora dunar con vista á súa recuperación?

Cando e cómo  se vai pór límite a un urbanismo deprador e expansionista se é a própia administración quen o alenta?

Que beleza se pretende alzanzar con estas medidas que semellen teimar  na mesma receita?

Na actual situación de carencia  orzamentaria o que podería ser unha oportunidade para mudar de modelo, no canto de non alentar a máis do mesmo (o que nos levou a isto: a burbulla immobiliaria, o turismo depredador e a percepción de que non hai límite ao crecemento)  vólvese a insistir no mesmo: non queres caldo?, pois tres cuncas.

A via empedrada da Capelada

Celebramos, porén, que o concello comece a preocuparse polo patrimonio material (do inmaterial xa falaremos)  e que encete dunha vez a recuperación da via empedrada da Capelada. Agardamos notícias.

Gabriel Beceiro

Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Sen obras derivadas. 2.5 España de Creative Commons.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off