off
Cultura — 29 Outubro, 2011 at 12:42 p.m.

Citizen 1, unha alegoría do presente

by

A estas alturas, debeu pensar Manuel Cortés, as tendas da coñecida multinacional galega de roupa que conforman o noso imaxinario,  ben poderían ser un escenario sen escenografía, un espazo que non precisa ornamento nen imaxineria comercial  porque xa ten aura de seu e só precisa ser apuntada cun trazo de xiz no chan. Son “espazos encantados para un mundo desencantado” que diría Michel de Certau, un santuario da globalización e da nova economía, espazos educativos da novísima comunidade de consumidores que só precisan ser arrastrados por un mundo de signos. Cortés inspírouse no empresario Amancio Ortega (A.O., Arsenio Ortigueira na obra, interpretado polo própio Manuel Cortés) para idear ao protagonista de Citizen partindo, coma o mítico Citizen kane de Wells, coa pescuda xornalística dun enigma, das supostas derradeiras palabras de Franco ao morir: globalization. Poderiamos considerala unha obra teatral con estructura de reportaxe televisiva: os anuncios e cancións da época, os recortes de voz que os próprios actores rexistran nunha grabadora,  o discurso do dictador, etc. A obra teatral ,  que  acobilla comentarios informativos ou un falso documental que se limita aparentemente a informar,  é unha crítica acerada plantexada sempre dende  o humor e a ironía en plena crise financieira global,  ainda que procura unha radiografia sobre a historia recente pondo o dedo na chaga:  o protagonista domestica a vella rebeldia contestataria, o proxecto colectivo fracasando diante do triunfo individual, o peregrinar dende  a “ética do traballo” á “estética do consumo”.

Citizen 1 (Maiorías silenciosas) non é o que poderiamos dicir unha obra “contracultural”, senón un artefacto escénico mainstream de grande honestidade, como grande é, nalgúns intres,  a súa inxenuidade. Mais a inxenuidade discursiva, mesmo verborreica, e a  austera posta en escena poden ser instrumentos para unha maior disección da mensaxe e para a ironía máis sutil e requintada. Acho que esa é unha das súas cualidades.  Citizen ten o caracter didáctico da rebincha porque entrefebra linguaxes e discursos coa súa ollada retrospectiva. E faino coa creación dunha escenografía de Xesús Ron inzada de anfiboloxías,  cos recursos  próprios do marqueting e a publicidade e no espazo próprio da cultura de consumo. E esa ollada performance é a do espectador interpelado polos actores, a do consumo posmoderno do flâneur, do paseante, daquel que deambula entre escaparates coa preponderancia expresa da actividade dos ollos. Porén, compre dicilo xa, Amancio Ortega é a excusa para un relato inzado de referencias  de noso (incluído o acento fisterrá de Patricia de Lorenzo na versión castellana), e que reconstrue unha ollada própia para enfrontarse á indixencia do presente, e neste caso, a conveniencia de que esa ollada se situe alén do realismo estricto, na procura dunha sublimación poética que non deixa de excitar a abstración do espectador. Porque ese encontro por acaso  saca á luz na pantalla a un home de pobo que escribeu  a súa própria historia  grazas á súa incapacidade para desprenderse da ética do traballo e unha ambición desmesurada. Xa o dicía o albacea de Citizen Kane: facer cartos é doado se é o único que desexas na vida. Ao tempo que mostra coma a xove activista de ERGA , que explica os detalles íntimos da súa vida, opinando máis do que informando,  permite fornecer un retrato poliédrico da época e da deriva en amargura panfletaria.

Poucos dias antes da morte do dictador, o breve encontro entre unha xove idealista que se refuxia dos grises,  na segunda tenda que A.O. está a piques de inaugurar na Coruña e que albisca o imperio comercial futuro, vai condensar o tamaño de dúas ambicions e arelas: as dun home que semella un home de pobo, e as de Sara Caamaño unha muller “do pobo”. O autodominio que mantén a distancia coa natural propensión á desmesura. Se o consumo precisa segundo Featherstone  dun “controlado descontrol” non se diferencia moito da acción revolucionaria. Eis o paradoxo, a deriva presente das esquerdas e da produción de consumidores de voto.

Citizen non está  únicamente verbalizado, senón posto en imaxes cunha sobranceira abelencia. Guíndase coa intensidade das imaxes porticais de Citizen Kane e sábese aliar o discursivo cunha posta en escena dinámica, resolutiva dende o punto de vista dramático e narrativo.  A planificación do encontro e de cada intre resulta elocuente e expresiva como a conversa entre dos dous.  Citizen 1 mantén o significado dos encadres. A dramaturxia e  os intérpretes da obra,  de Lorenzo e Cortés, planifican con coidado a escena:  no medio da tenda globalifashion  a militante de ERGA  sitúase  nunha cadeira  de costas ao cidadán A.O; as cámaras situadas en trípodes a carón dos personaxes exercen de “irmán grande” amosando na pantalla do fondo uns primeiros planos cara a cara que parecen achegar aos protagonistas  afectivamente no entanto na escena “teatral” vemos aos personaxes afastados e de costas, quenes, paradoxalmente, manteñen unha conversa que os está a distanciar nun sentido moral e político mália os intentos alguereiros de Sara por tirarlle a A.O a súa verdade.  En tanto, nós, os espectadores facemos parte definitiva da escena polo puro pracer de vernos reflectidos.

Alleo aos acontecimentos da rúa e á “transacción” política do momento, o cidadan A.O. é un individuo políticamente desafecto, non lle interesan as angueiras revolucionarias de Sara Caamaño  e ten como principal preocupación aplicar o sistema de Toyota á produción de roupa. A xove idealista acabará seducindo ao empresario. Logo do breve encontro sexual, un inusitado pacto fáustico:  a revolucionaria sucunbirá aos prosaicos encantos dunha realpolitik baseada na produción en cadea e na produción de consumidores máis do que na teoría e na ética.  Caamaño,  encarnado con paixón  por Patricia de Lorenzo, devén o producto manufacturado dunha época cuxas nocións do mundo son tan ilusas que confunde a realidade cos bos sentimentos.  Até na súa vida persoal, A.O comeza a gorentar da erótica do poder e a inmunidade moral que  lle fornece.  Non sei se habería aquí cabida para unha lectura libertaria ao estilo de Michel de Certeau, que albiscou no consumo unha especie de vinganza dos febles contra os fortes.

En calquera caso, na obra espéllase o desencanto, anúnciase o agora, espéllase o que fumos e o que somos. A esquerda “progre” á caza de votos non se diferenciaria da calculada estratexia de A.O. polo escaparate constantemente renovado e por satisfacer e capturar clientes ao menor custo.

No último plano  da primeira parte de Citizen, coma nun escaparate final de completude e ensoño, resulta hilarante e, ao tempo, estremecedor,  ver a pose de Sara Caamaño preñada e vestida con roupa de A.O., o próprio empresario e  a máquina de coser.

Gabriel Beceiro

Logo de acadar o Premio da Crítica de Galiza CITIZEN I, II i III – Chévere , no Temporada Alta de Girona.

Manuel Cortés, Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Nekane Fernández, Mónica García, Iván Marcos i Arantza Villar.Dirección escénica e dramaturxia:Xesús Ron.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off