off
Galiza, Política — 15 Outubro, 2011 at 7:17 a.m.

Feijoó, the Lucky

by

Conteivos que nos levaron o Códice Calixtino?Pois se non o fixen aproveito  para dicirvos que tamén nos limparon da fardela o sistema financieiro, as caixas e o pastor e estan a axuntar o idioma propio para ver si vai todo nunha.

Agardamos polo AVE coma por Godot. Alguns din para que veñan da meseta máis rápido a limparnos o que queda de país, e outros máis espilidos para sairen máis rápido, se é que aínda queda alguén, e poderen dicir, tonto el último.

Ese estado psicopatolóxico chamado Galicia non ten o aquel hamletiano de non nos entenden non, senón o aquel de En attendant Godot: non nos movemos.  Na obra de Samuel Beckett dous vagamundos á beira do camiño agardan un tal Godot que non ven, que nunca chega. É unha trama sen trama, onde nunca pasa nada de relevo.  Repítense as palabras,  mais nada acontece, aléntanse a facelo  mais Ils ne bougent pas. Non se moven. Godot non chega.Vai ti a saber o tiña Beckett na cabeza  !                      

A política de Feijoó déixame apavorado. Perdemos as caixas e devólvennos un banco que non é noso  minado polas consecuencias da cobiza que nos levou a esta crise ao tempo que deixan caer empresas e emprego por falla de investimento público logo de alimentar a banca.    A submisión é a súa pedagoxía e legado.  A submisión canina do verdugo. E foi facer as americas, esta fin de semana toca Buenos Aires, deixando atrás o ermo: a desfeita identitaria e financieira, a cerna do ensino e o extravagante ideolóxico (“socialdemocrata de verdad”sic.) Un conservador complicado, abofé. Un político do absurdo, é dicir, do obvio. Gosta de complicar as cousas, no canto de resolvelas. O presidente compórtase coma o representante dun lobby, obediente  aos señores do mercado e os señores da meseta (o seu Pozzo). Mesmo ousaría dicir que é un bo hegeliano: pode esquecer a realidade, pode negar a evidencia tanto coma  Lucky,  a quen Pozzo semella controlar cunha longa corda. Pozzo seica é o amo da terra onde están os dous vagamundos na obra  de Beckett. E Lucky, o afortunado, é aquel quen non precisa pensar se non se lle ordena e cando o fai deixa de escoitar. Feijoó o afortunado, é o noso Lucky: recebiu un paisiño  e vai deixar un impaís que diría Xaquín Marín coma non houbo outro na terra. Coma Lucky, non precisa pensar porque xa pensaron por el. Non escoita porque só sabe facer o que lle ordenan. Sabe facerse o parvo, até nova orde.

Mais un dubida se o anterior é un meu divertimento ou desatino, ou  se é o andazo do noso tempo, ese mainstream do “como si”,  do  cinismo como padrón de conducta,  aquela política global do absurdo que baixo o chamado consenso demócrata-liberal agocha a expropriación  do noso ben común: o siso.

Sospeito que o noso estado de frustración social  precisa máis Beckett e máis música.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off