off
Cedeira — 7 Outubro, 2011 at 9:03 a.m.

A pintura do Palacete

by

En tempos de crise disque hai que pasar do azul ao branco. No occidente, o branco é a cor da pureza, da inocencia e da austeridade (esa malfadada palabra que serve para xustificar calquera sacrificio tal é a súa raiceira católica). O azul é a cor do horizonte, do mar (o noso, verde de excepción) e da bandeira. Azul é a cor escollida polo goberno anterior hai un ano. Xa o tiña esquecido, o branco era a cor orixinaria do Palacete, esa antiga casa de verán dos Pemán que agora se quere repintar(alguna dia haberá que contar como influiu e condicionou a nosa autopercepción a presenza espectral desta e doutras familias  e o que poidemos ser e non fomos) .

A performance pictórica farase aproveitando a  subvención de 20.000 euros destinada a melloras de eficiencia enerxética e que servirá para retellar e arranxar pingueiras.

Malia as aparencias, o Palacete é un edificio que foi sistemáticamente esquecido por Leopoldo Rubido por máis de trinta anos.  Abandono e podremia. Non foi o único exemplo de desleixo : a Biblioteca López Cortón careceu de mantenimento durante lustros (a cuberta foi arranxada no goberno de X.X. Rodríguez, segue sen ter acceso para persoas con mobilidade) e perdeuse a estructura das fábricas de salazón (A Margarita) para a súa preservación e reestructuración para novos usos (entre deles, un espazo multiusos ou hotel de entidades locais, museu,etc).  Cando houbo oportunidade de facer una intervención a fondo para rescatar espazos xa existentes para novos usos, preferiuse enterrar os cartos nun disfuncional Concello kitsch e en intervencións irracionais na praza da Rectoral, a Praza Roxa (sala Ancora) e nos andares superiores do Auditorio. Agora toca mudar a cor do Palacete. Lémbranse o tempo que estivo o Concello a pagar o  aluguer da Oficina de Turismo no canto de habilitar en condicions os espazos públicos? Lémbrase para que sirveu a intervención integral da praza Rectoral? Para desnaturalizar a contorna e para desbaldar cartos que eran para incentivar a actividade económica do mercado. Todos eles espazos que acabaron por non crear nen  identidade singular nen relación, senón similitude: espazos fora de lugar, solipsistas, sen ligazón. Todo iso acontece cando a relación coa historia se estetiza e desocializa, cando se volve artificiosa,  cando se torna suplantación e simulacro.

Vaites, vaites, total para o que costa a pintura! Con certeza que a man de pintura é benintencionada!  Ademáis, aproveitamos que o andamio xa está aí …Mais cómpre non confundir as cousas, non confundir valor e prezo, que diría Antonio Machado.   Trátase dunha intervención que sirve para ternos distraidos como expectadores e que ten un valor simbólico que non debemos obviar. Ao cabo, é ben coñecida a teima decorativa de Leopoldo Rubido, e non vai deixar pasar a oportunidade histórica de aplicar unha boa man de pintura para autorecoñecemento: son alcalde e pinto onde me peta!. Digamos que son grafitti oficiais. Unha afección que sería inocua se non servira para enmascarar o que non se fai (e o que  se fai sen que o pareza). Ninguén coma el dispuxo de tanta discrecionalidade e autonomía durante décadas. Sempre soubo achegar  socios circunstanciais mutuamente beneficiados: deixar facer.

A man de pintura pode ser un síntoma, pode mostrar alén do que mostra. Pode ser o simulacro doutra cousa.  A pureza do branco pode ser diáfana cara adiante (futuro) e cara atrás (pasado).  Cousas da saudade e do clima. Depende. A ambivalencia do branco  é tal que tamén  pode significar a total opacidade do que mostra.  A man de pintura branca pode ser  persuasiva.  A pintura costa cartos, a transparencia non. Porque nada vai cambiar, agás a capa de pintura branca. Perdimos a inocencia, non si?.Porque non hai man de pintura que nos libere do baleiro. E a sensación de ter perdido pasado e futuro ao tempo.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off