Mália virmos dunha tradición con pouco peso industrial, os galegos sabemos ben que o traballo ten un papel fulcral na nosa percepción como persoas. Entre nós Rosalía reflectiu moi ben a exclusión e a estigmatización polo traballo. Foi a era industrial a que consolidou a hegeliana realización polo traballo, esa concepción da persoa a través do traballo como aquilo que da sentido á vida, nunha época que arelaba a emancipación gradual dos individuos e que dificilmente albiscaba os efectos do crescimento sen medida e dos ditados do mercado. Lembrade a reacción de Paul Lafargue (xenro de karl Marx) que no seu O dereito á preguiza (Le droit à la paresse) denuncia a paixón moribunda polo traballo, a mesma que exprime as miserias individuais e sociais produto do esgotamento da forza vital do individuo.
A incerteza laboral asulaga hogano a moitas persoas. Un desasosego que vai alén do laboral, xa é existencial e vense xuntar á colonización da vida polos mercados canda aquela outra faceta solitaria por definición que é o consumismo (en feliz expresión de Zygmunt Bauman, Vida de consumo.Fondo de Cultura, 2007). Unha colonización do mundo da vida que se manifesta no consumismo e tamén no feito de que desde os anos oitenta cada vez se traballen máis horas. O desemprego deixa víctimas polo camiño e a precarización impide a moitas persoas consolidarse nunha profesión e nun traballo asalariado (lembrades canta literatura verteu o combate contra a alienación e miserias do traballo asalariado ?). A a xeración do baby -boom comezou a notar a dificultade de acabar sendo o que se estudou ou se aprendeu. As xeracións actuais (entre os 20 e 30 anos ) xa non teñen esa “sorte”. Aquela vella superstición emancipatoria vaise desvelando, a precarización laboral nen enriquece, nen mantén e, moito menos, emancipa. E, ademáis, culpabiliza.
Cómpre dicilo agora que os señores do mercado a estan a resucitar cos estigmas do pasado: a desocupación e o tempo liberado non son situacións de humillación ou de rebaixamento. Alén da perturbación inducida polos hipócritas ben retribuidos que, aproveitando a confusión xeral, moralizan e lexislan contra os parados a quen consideran nugalláns e delincuentes coma no século XIX, esta pode ser unha oportunidade para a millora persoal e para irmos reducindo do noso vivir as actividades submetidas á racionalidade económica. A dependencia económica e as axudas públicas non son deshonra nen apróbrio.
Compre reaxir contra esa enxurrada moral toda ela submetida ao ditado do neoliberalismo económico.
Gústame esto:
Gústame Cargando...
Relacionado
A concepción naturalista do traballo (das leis da economía) é unha falacia que arrastrou o vello marxismo até Marcuse. Mesmo co seu poder omnímodo, o capitalismo e os seus adláteres arrepían da nugalla, da preguiza, na ociosidade…de quen dalgunha maneira pon en causa o submentimento a través do soldo e á sustitución la responsabilidade do individuo polos códigos deontolóxicos das empresas.