off
Cedeira, Política, Política local, Urbanismo — 28 Setembro, 2011 at 11:12 a.m.

Privatización

by

Os galegos deberíamolo saber millor ca ninguén en Europa. Sempre fixemos dos problemas unha fatalidade. Somos expertos naquilo de que o conceito de crise fai parte da crise (semella un retrouso de Groucho Marx). E  en Cedeira, non íamos ser menos.

Máis alá do boato, os servizos públicos sempre lles pesaron. Ainda non van aló 6 meses e xa están a facer oposición da oposición, é dicir,  oposición do goberno anterior para escenificar o que semella unha xustificación da  externalización de servizos. A fatalidade do  goberno  conservador  chámase administración pública.  Para éste, o servizo público é un concepto en crise permanente. Un doente crítico. Mais se ollamos para o mapa mundial, coas receitas neoliberais o pacente non millora.   Entón, que é  a externalización de servizos? Non é sacar a mesa do administrativo ao leilán. Unha externalización é un eufemismo. Unha privatización precipitada,  un garda a roupa sen que se vexa. Unha privatización encoberta, que se avergoña de si. E que pouco axuda a millorar a xa erosionada imaxe dos funcionarios públicos. Mais non é iso, non. Trátase de reconducir no posibel os informes que non concordan cos intereses de quen nos goberna.

Esperabamos algó máis en tempos de absoluto descrédito desa panacea. Seica se quere privatizar, din que durante un tempo,  parte do servizo municipal de xestión de licenzas:

«Cuando entramos en el gobierno nos encontramos con una administración cara, lenta y poco accesible. Nuestro objetivo es remediarlo y volver a tener una administración pequeña que trabaje directamente para el vecino”

Declaración de Luís Rubido Concelleiro-Delegado de Desenvolvemento Local, Facenda, Turismo, Cultura, Iniciativas de Programa e Urbanismo a La Voz:28/9/2011

Se algúns empresarios teñen problemas para obter unha licenza, deberían explicarnos en que consisten ese problemas, se é un problema de adiamento por saturación de traballo, por falta  ou por exceso de persoal administrativo ou se son outros os motivos… Por exemplo,  cumprir coa legalidade. Se hai problemas de financiamento para pagar os servizos públicos (ao seu partido na Xunta nunca lle importou decidir dende aquí a política fiscal) precisamos que nos digan onde van aplicar a tesoira e cantos postos de traballo público van destruir.

Quere unha administración pequena e eficaz ( e quen non,sempre que sexa pública)?. Mais ese non é problema de fondo. Non. Se a administración non traballa directamente para o veciño, para quen o facía? Non para os seus, cecais para todos. O que se está a facer é arranxar suterfuxios para canear o convenio coa Axencia de protección da legalidade urbanística. Noutras palabras, reconducir resolucións que non concordan cos intereses do grupo de goberno.

O mantra non é novo, está no seu apoxeo crítico: estamos a padecer o fracaso das políticas privatizadoras. Semella que este consistorio vai cara o mesmo erro de simplificar: cando algo non funciona, privatízase, xibarízase. Vaites, vaites.  Con esta decisión vostedes evitan a crise. Aprendan a dominarse e non sigan o mantra neoliberal. Procuren o consenso no canto da demolición. Sempre será máis produtivo atopar solucións comúns e tirar para diante en tempos de crise.

Precisamente porque o obxectivo de quen goberna non debería ter o único albo de  traballar para unha boa xestión e aforro de recursos,  pois o doado é deixar á iniciativa privada a súa xestión no canto de orientar aos funcionarios cara criterios de eficacia e eficiencia. Asín, en lugar de enfrontar posibles resistencias procúrase a anuencia dos afíns no sector privado.  O grave da proposta é que se fai ainda sabendo  que os servizos públicos nas mans de empresas privadas saen máis caros para a administración pública  que cando estaban baixo a súa tutela.

Se  atoparon unha “administración cara, lenta e pouco accesible” (mais unha expresión críptica que deberían explicar) tamén deberían dicirnos como van abaratar costos privatizando o servizo. Rubido debería explicarnos que servizos está disposto, malia a crise, a seguir socializando, é dicir, a considerar esenciais para o funcionamento do Concello, sen os que a administración local deixa de ter autonomía e pasa a ser reo de intereses privados.

Sempre pode haber unha boa razón para privatizar, non si? Amósenos as cartas, non vaia ser que esa administración accesible que vostede quere acabe sendo a administración accesible a uns poucos e aquilo de “axilízame a concesión da licenza” a eclosión da Cedeira irregular, a dos apaños e  da desfeita urbanística.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off