off
Globalização — 27 Setembro, 2011 at 11:32 a.m.

Globalización, ATTAC e vellos problemas

by

ATTAC, organización nacida para esixir a imposición dunha taxa sobre as operacións financieiras  especulativas, ten máis de cen mil afiliados arredor do mundo, entre os que destacan  Noam Chomsky, o galego Ignacio Ramonet e os franceses Bernan Cassen e Gilles Chatelet. Vai nacer  logo dun artigo de Ramonet, publicado no Le Monde Diplomatique en decembro de 1997, no que pedia que se aplicaran impostos ás transaccións financieiras especulativas e que se exercera un control democrático sobre os mercados internacionais (taxa Tobin).  O 3 de xuño de 1998, vai nacer na Franza a Association pour uneix Taxation donis Transactions financieres pour l’Aide aux Citoyens (ATTAC), coas esixencias realizadas polo director de Le Monde Diplomatique, as principais reivindicacions e un nucleo inicial formado por intelectuais e activistas políticos. As críticas de ATTAC ao funcionamento dos mercados internacionais   e ao desenvolvimento profundamente inxusto da globalización econòmica estan de màxima actualidade con motivo da crise alimentaria, a crise das hipotecas no Estados Unidos e, finalmente, a crise global do mercado financieiro.

Na Arxentina, o grupo local de ATTAC vai ser un dos principais impulsores, canda outras organizacións sociais, dunha consulta popular autoxestionada en contra da entrada na ALCA, que se vai realizar en novembro de 2003 en todo o país con perto de 2.300.000 votos.

No últimos anos  posicionouse con pulo contra da Constitución Europea que vai ser refugada en Franza e Holanda. Ainda que ATTAC é moi crítica cos procesos de globalización do capital asociados á política do neoliberalismo, non se define de seu coma grupo antiglobalización, xa que defende unha política na cal os países  menos favorecidos poidan acceder á regulación dos intercambios ao mesmo nivel que os grandes centros do capital internacional.

O termo globalización, que  é un anglicismo que veu sustituir o de mundialización, suxire a posta en común, o coñecimento e a colaboración sobre algunha cousa alén das fronteiras e refire unha grande variedade de  tendencias políticas, económicas e culturais. A teoría social  ten formulado cecais a definición máis abranxente de globalización como aquel fenómeno que reflicte os cambios fundamentais nos contornos espaciais e temporais da existencia social, segundo a cal o significado de espazo ou territorio pasa por mudanzas  cara  unha aceleración, non menos dramática,   na estrutura temporal das formas fundamentais da actividade humana. Como o tempo necesario para conectar diferentes localizacións xeográficas é reducido, a distancia ou o espazo pasa pola súa  compresión ou “aniquilación”  ( é dicir, na nosa tradición a experiencia humana do espazo ligábase á estructura temporal desa actividade). Dalgunha maneira a fronteira do local está a esvair fronte o global. Os esquemas de cooperación perante un contexto desterritorialización amosan  un limitado control sobre eles (por exemplo, os mercados financeiros) e a dificultade de manter compromisos normativos fundamentais. Noutras palabras, poida que xa non sexa posibel acadar os nosos ideais normativos sen o compromiso de facelo  tamén, en sentido kantiano, a escala transnacional. Por exemplo, a degradación ambiental, o quencemento global, o cambio climático ou a ameaza para as culturas  e a formas particulares de comunidade, reclaman formas ambiciosas de cooperación global . Velaí, como afirma Richard Falk, que a desigualdade material xerado pola globalización económica está ligada á desigualdade material interno en crecemento nas democracias ricas.

En principo, trátase dun fenómeno ambivalente, de múltiples contornas e contradictorios efectos e vai alén da simple polarización conservadurismo/progresismo. Neste sentido, conservador sería quen se opón á mudanza, entanto os impulsores da globalización serian os revolucionarios. Poderíamos afirmar perfectamente o contrario porque ambas e dúas posicións teñen elementos de razón. Porén, evidénciase que a xustiza social está fendida e as forzas da globalización aumentaron esta fenda.  Xusto cando o capitalismo ultraliberal está no seu pior momento, e a socialdemocracia -que nos millores tempos preferiu desideoloxizarse- amosa a falla dun proxecto alternativo, non ten teoría, nen ideario nen identidade de seu.

Sabemos ben que as abismais desigualdades e disparidades de orixe xa estaban aí antes de abenzoar o termo globalización, na sociedade industrial. Para os defensores da globalización financieira (non tanto de mercado, da cal movimentos como ATTAC admiten certas cualidades)  o endebedamento dos paises subdesenvolvidos é o primeiro paso cara unha atenuación das desigualdades.

Nada novo, a industrialización salvaxe vai acrescentar  a capacidade de consumo e a reducción da xornada laboral nos paises industrializados a costa de explotar o resto do mundo a través dun medre permanente da productividade. Proxectarase este esquema no novo ámbito globalizado tal e como ten asumido a esquerda optimista? Cecais se teña infravalorado a radicalidade transformadora do fenómeno global ao tempo que se asume  un desproporcionado optimismo  (a comida representa até o 75% dos ingresos das familias pobres, fronte o  15% nos países ricos).  Ainda asín, deberiamos ter en conta que a magnitude transformadora das tecnoloxías do coñecimento son a matriz de mutación doutras  tecnoloxías e teñen incidéncia transversal na vida social e nas nosas capacidades cognitivas. Está por ver se ao nivel doutras innovacions transgresoras da historia (escritura, cálculo, prelo, etc). Descoñezo a abranxencia potencial deste proceso para xerar outro tipo de sociedade e de individuo. En calquera caso,  tal e como está  acontecer a globalización non se reduce a unha mera reordenación do  capitalismo e nen siquera ao seu mantra, o comercio internacional (agora en dificultades). Estamos a asistir  a unha escenificación ao puro estilo lampedusiano: que todo mude para que todo siga igual. A innovación tecnolóxica e, sobretodo, a súa manifestación máis coñecida no ámbito da información, Internet, asóciase no terceiro mundo á contracultura e o progreso.

A modernidade e a sociedade posmoderna (que non deixa de ser unha fase daquela) poideron cuestionar a própia razón científica,  agora instalada no centro das dinámicas socioeconómicas en forma de tecnociencia e tecnoloxía, como elemento clave do progreso social e a ilustración fronte o escurantismo que negaba a fe nun suxeito universal. Este desexo vai facer dubidar das razons instrumentais da tecnoloxia (Escola Frankfurt) e a súa incidencia en procesos que non pertencen ao ámbito da ciencia. A globalización semela filla do soño ilustrado, da  fe nun suxeito amo de si mesmo sen coercións,  só aberto á seducción e á afirmación. Porén, desmantelades certas fronteiras, multiplicadas as opcions dentro dun modelo único de mercado e de control non necesariamente político, deberiamos pensar se os movimentos antiglobalización reforcen e expanden a cada acento a globalización que combaten. Porque á marxe de que se poidan expresar e conducir na Rede, desprázanse sen fronteiras, maniféstanse e exprimen a fondo os recursos do ’enimigo”. Por iso, movimentos intelixentes como ATTAC non se manifestan antiglobalizadores no sentido de focalizar na globalización o  problema (durante  a industrialización os ludditas van escachar  máquinas ). Agora coma antes, trataríase de ler os problemas que xurden da súa dinámica e que os vellos problemas radicalizados non son nen máis nen menos opresivos e alienantes que nos anteriores estadios previos á globalización, agás o feito de se teren desenvolvido en base ao pandemonium electrónic de dominación e vixilancia.
Unha vez naturalizada a verdade, a posterior canalización do corpo social é sinxela, só compren dous denominadores: docilidade política e rendabilidade ecónomica.

O asalto neoliberal da UE que estamos a presenciar  semella reclamar máis ca nunca o principio de soberanía popular, aquele espírito inxenuo de Jürgen Habermas por unha defensa da Unión Europea concebida como un chanzo fundamental para a democracia supranacional.  O filósofo alemán acobilla esa esperanza   nun mundo onde a decadencia da democracia do Estado-nación  fai a democracia máis vulnerabel, daí a necesidade de que a UE reforce os seus órganos para unha mellor garantía dos dereitos civís, políticos e sociais e os dereitos económicos de todos. Malos tiempos para la lírica.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off