off
Cedeira, Política — 20 Setembro, 2011 at 12:01 p.m.

Estamos en guerra pero hai que reflexionar

by

Agora que nos asulaga o mesmo océano de caspa de sempre e que o descontento cidadán, manifestado primeiro nas  autonómicas e, fai pouco, nas municipais cedeiresas, semellan inducir un xeral estado de melancolía e desánimo, sería bo lembrarse daquela estrofa dos Resentidos: “Estamos en guerra pero hai que reflexionar”.

Compriría atallar o desánimo e mudar as formas de comunicación cos cedeireses/as.   Certo é que o que puido ser o comezo dunha fermosa amizade de goberno derivou,  mal que nos pese,  nunha carreira por conservar as respectivas posicións institucionais. Era ilusoria a hipótese de que investindo en Vergara medraria o galeguismo progresista xa que, por unha banda, a non prevista queda da Xunta do bipartito evidenciou que a órbita do PSdG nacional continuaba a ser o PSOE malia os intentos de Touriño e, por outra, a previsión errada do impacto de Vergara, segundo o cal abondaría unha lexislatura para  mudar o eixo ideolóxico de Cedeira. A todo iso hai que sumar un factor clave de tipo transversal:  a ausencia dun mea culpa dende arriba. Resultado :  a imparabel  irrupción do PP . Ademáis, as dúas experiencias de colaboración de goberno foron de natureza distinta. A dos anos de Xoán Xosé Rodriguez veu darlle visibilidade institucional ao traballo de oposición do BNG (e en menor medida do PSG) dende comezo dos oitenta e supuña a primeira lexislatura de esquerdas dende o ano 36, con todo o que iso supoña de ruptura, ainda que tamén de lastre.  A do tripartito da última lexislatura, porén, foi unha opción estratéxica pouco madurada que levou a fagotización programática do BNG. Houbo erros de deseño (que se adiviñaban xa na etapa anterior) e de execución. No BNG non é dixeribel calquera actuación,

Na última lexislatura, malia teren diante  a un apoucado PP (xa sabemos que non precisan facer oposición, tan grande é a súa base social…e a súa paixón democrática),  un PSdeG en deriva neoliberal (repárase na política laboral destes catro anos)  cada vez máis equidistante e entregado ao sucursalismo, e un  oportunista crente de todo xénero chamado TEGA,  o BNG renunciou a si mesmo. E cando un se perde deber mirarse no espello do outro para recoñecerse, facer autocrítica.

Sempre fomos escépticos verbo da coalición. O traballo e potencia desenvolvidos polo BNG nos últimos vinte anos non precisaba dos  personalismo de Vergara  ( que espera, quizais, tempos mais felices do PSdeG da man de Blanco, ou Caamaño) nin de calquera outro que lle expropie a súa identidade. Que futuro tería ese pragmatismo sen mudar, extender e gañar obxectivamente o apoio social? A candidatura presentada, malia o magro resultado, semella reaxir dende a base e aí debe manterse, perto da cidadanía.

O fracaso do goberno de coalición conducido por Vergara  (houbo consensos asinados ?) provocou un dos piores efectos posíbles: un efecto de desimplicación, cando non de aberto rexeitamento emocional por unha parte do voto progresista e galeguista que non entendeu o novo “presidencialismo” (se callar sería temerario empregar o termo “clientelar”, ainda que así foi percebido) e a anomalía política de veren ao BNG  a reproducir prácticas que non formaron nunca parte das súas conviccións. Incluída a insólita arrogancia desbaldar a pouca conciencia nacional que lle queda a este pobo. Fora do ideario  galeguista o BNG non pertence a sí mismo, e así foi:  vai ser empregado para proxectos persoais.  Non se soubo alicerzar un proxecto ao servizo dos intereses xerais de todos e o que vai ficar na memoria  son as actitudes espúreas, a vida sucursal e a renuncia ao proxecto. A instrumentalización do BNG por determinadas persoas frustrou o traballo e prestixio acumulado. Claro é que o inmobilismo observado no BNG nacional é preocupante e non axuda.

Nestes catro anos debería actualizar a proposta programática, reaxindo contra tanto desbalde con prácticas de comunicación e empatía cos veciños/as , explicando a situación, priorizando e blindando conquistas en política social, dando resposta acaída, dende a participación cidadán, a uns tempos difíciles, xa que os ataques ao estado de benestar (cernando gasto social e reducindo dereitos sociais) ainda non remataron e as consecuencias serán visíbeis nos próximos meses se acaba por gobernar o PP  no estado español.

En tempos de intemperie o proxecto do BNG é máis necesario ca nunca diante do establishment político/inmobiliario de Cedeira que non vai facer outra cousa que reactivar  a construcción para beneficio de catro (cando sabemos que o seu valor engadido é nulo e as consecuencias irreparables e contraproducentes).  A dereita non ten outra alternativa que o esconxuro neoliberal da construcción especulativa,  ah, iso, e a reducción de impostos. Trátase da política contada aos nenos. Mete medo. Xa non disimulan a desfeita resultante e todos sabemos que o tempo non é reversibel. Non queren ou non saben dicir que  o emprego non depende só das empresas e dos investidores, porque queren reducir a administración á única función de axilizar os expedientes de obra. Falso. Nos últimos anos a chegada de constructoras non fixo outra cousa que empobrecer o tecido produtivo local e acabar de estragar o territorio.

Hai que volver a sair á rúa (o BNG non goza nen vai gozar de presenza nos medios), non para convertir a ningúen mais  para explicar dende a autocritica que o BNG pode gobernar para todos . Co PP na Xunta (e quizais támén na meseta)  abusando do seu poder e dos enormes altofalantes postos á súa disposición ( La Voz, TVG, ABC, Intereconomía…) as carencias democráticas que nos gobernan hanse facer cada vez máis visibles. Mesmo albiscando a enxurrada conservadora no estado e en Europa, é imprescindibel  reaxir para evitar que o PP se instale definitivamente no Concello.

Tags

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off