off
Cedeira, Ecoloxía, Urbanismo — 4 Setembro, 2011 at 8:54 a.m.

Ao final da escaleira. Desfeita urbanística

by

A desfeita urbanística e ecolóxica en Cedeira, como na maior parte de Galiza, encetouse  no franquismo con pulo uniformizador e  esnaquizou a arquitectura tradicional e a paisaxe toda nun proceso continuo de depredación. PSOE e PP continuaron este pulo especulador sen lles tremer  o pulso co trazado de estradas por todo o litoral e que acordaron chamar en infeliz eufemismo, “paseos marítimos”. A desregulación do chan polo PP en 1998 vai ser letal porque acelerou o proceso de degradación e desleixo xeralizado, creando de paso a burbulla inmobiliaria. Ao PP non se lle pode negar coherencia (o PSOE, porén, non é coherente). Velaí en Cedeira a Praza Roxa, o chamado paseo marítimo da Magdalena e a edificación contínua das regas, a cementación dos poucos vestixios de arquitectura industrial que nos quedaban (a antiga fábrica de salgazón de Manuel Soto, campo de concentración do franquismo que nos ocultaron), a drenaxe e entullo da Xunqueira e o enforcamento dos Tarais e a zona dunar. A tímida e serodia actuación de maquillaxe feita por Vergara nas beiras do Condomiñas á altura das Saiñas/Xunqueira responde á mesma teima do “paseo”, é dicir, a unha visión e conciencia naif da realidade medioambiental semellante ao parque temático, ao centro comercial ou o parque de suburbio. En por iso, sen proxecto de ecoloxía urbana e cultural coñecidos que nos expliquen políticamente a sustentabilidade destas mínimas intervencións dentro do modelo urbano de paseos e construcción masiva. De pouco ou nada sirven estes arranxos cada trinta anos se arredor medran paredóns (por exemplo, o parque-pista Floreal) e o caos entre eucaliptais. Na metade dos oitenta Olláparo xa falaba dun modelo sustentabel de vila, de volumes de edificabilidade, de valorizar o patrimonio e a paisaxe, e de costurar memoria, presente e futuro…non sen recebir abraiantes descalificacións de quen debería defender os intereses colectivos,é dicir, a ordenación urbanística. En todo este tempo, Cedeira convirteuse nun suburbio de si mesma, unha arroutada de novo rico. Unha desfeita urbanística e medioambiental que garda relación directa co  nivel de educación e civilidade, e de conciencia do ben común. Cedeira, ainda que semelle o contrario (como acontece noutras partes de Galicia) ten moi pouca conciencia de comunidade, do ben común.

Unha desfeita urbanística e medioambiental que tivo o maior aliado no alcalde Rubido en cuxo secular mandado se acometeu o estilo de urbanización feo e a insustentable e caótica desfeita  do patrimonio natural (e, xa que logo, turístico). Especialista en criar arredor de si o baleiro dos que tentan facer algo – o unidimensional sempre será o prezo da gloria do mediocre- volve  a gobernar aliado, como sempre fixo, dun fato de almas cándidas sen conflito de intereses, en boa parte responsables e cómplices do desleixo urbanístico que padecemos. Son ben coñecidas que nalgunhas vilas e cidades galegas conviven boas actuacións urbanísticas ( Allaríz, zona vella de Santiago) con algunhas nefastas e paifocas intervencións (Arcade, Barreiros, Viveiro, Sanxenxo, Vigo , A Coruña, non esgotariamos exemplos). A crise do sector da construción chegou tarde de máis. A entrega do poder á dereita nesta vila non vai solucionar nada: vai continuar co seu proxecto de demolición consistente no modus operandi de “ti vai facendo” .Outórganse licenzas de dubidosa legalidade  acompañadas da promesa de que as construccións serán legalizadas no futuro.

A ordenación territorial de Cedeira é unha desfeita e non se albiscan medidas correctoras. Abonda percorrer as rúas e estradas para abraiarse con beirarúas e casas imposibles (Floreal, Arriba da Ponte, Regoa, Ribeira, Cordobelas,etc), alturas de máis e xeminación de palacios a pé de ningures pois todo é altura, cabos eléctricos a eito, muro e paredón que minguan a calidade de vida, reducen as horas de sol,  escoan  os viandantes  do espazo público de paso obrigándoos a transitar polo medio da rúa entre os coches. Por non entrarmos a falar do feismo, a volumetria e tipoloxías constructivas que semellan saídas do LEGO.  Reparade que nos últimos vinte anos, agás o encofrado entre edificios de 6 alturas do Parque Pista Floreal preexistente, non se planificaron novas zonas verdes, deixándoo todo á especulación do tixolo). Todo vale nesta vila que tanto queremos e tan pouco coidamos. Máis unha mostra deste verán: o nacemento  de terrazas-bar en plena estrada (Arriba da Ponte, Avenida Castelao, Floreal), que a falta de calzadas suficientes para o paso, ocupan a zona de tránsito das persoas con solucións cada seu máis esperpénticas e incívicas (p.e. valados de obras para acotar o perímetro das mesas). Cedeira debe aprender a vivir con menos. Compre a complicidade voluntaria de todos os veciños/as e consumir de territorio de forma responsabel. Acadouse a dimensión crítica e compre abandonar o xigantismo.Decatouse alguén que a crescente fealdade no nucleo urbano está a reproducirse no rural? Estamos a pensar nas xeracións vindouras? Semella como se o ter acadado un certo nivel de riqueza eximira do comportamento moral, de axustarse ao respeito á convivencia, ao territorio, á paisaxe e á natureza (cómpre aínda lembrar que a felicidade non medra en paralelo ao consumo?). Que nos queda ainda dos bens relacionais e da arte de vivir que tiñan os nosos avós?

O caso é que nos decatamos que a cátedra de Rubido fixo escola: non é cousa de partidos (con apenas dous cambios ao fronte da corporación) porque até o de agora houbo nula vontade política por facelo ben. Certo que as forzas homoxenizadoras da globalización e das sociedades industriais arransan coa singularidade do lugar: colonización e uniformización do territorio forman parte do capitalismo global da sua dimensión  dereguladora e especulativa. Porén, en Castela e León malia gobernar o PP, en Cornualles, na Bretaña e Euscadi, que comparte dispersión de pobación coma nós, non se semellan nada ao que aquí se fixo. Acho que dun ou doutro xeito, todos os grupos municipais ( se ben que uns máis ca outros) contribuíron a levar o debate urbanístico ate o punto cero. Non sabemos e/ou non queremos. Continua habendo medo a antagonizar coas forzas conservadoras que sempre resultaron beneficiadas.  O concello segue sen responder aos alegantes, deixa aos veciños na indefensión total diante de promotores desaprensivos e van alá trinta anos de masiva edificación que pouco ou nada reverteu ao dominio público xa que o se fixo foi ocupalo coa agresividade própria dos que só acreditan no seu beneficio personal e no desenvolvimento entendido como rapina e usura. Un alto tributo a pagar por todos para tan pouca economía produtiva. Compre non esquecer que o urbanismo sustentabel é aquel que forma parte das políticas redistributivas porque visibiliza no territorio a expansión dos dereitos sociais, laborais e medioambientais.  A etapa de Vergara caracterizouse tamén polo “como si”, por ese enfoque determinista que non deixa espazo para políticas alternativas, inbuida polo credo neobiberal que ten abducido ao seu partido mália ter contribuido no seu momento ao magro estado do benestar español (axiña esqueceron que a dictadura morreu na rúa e non en Ferraz). Decepción.

Após tres décadas de democracia, a caída da construcción salvaxe mostra que somentes serveu para que alguns alargaran os seus privilexios e, en connivencia con algunha forza política ancorada no pasado, para a expoliación do espazo público e a calidade de vida. Hoxe, cando o mundo aposta pola saúde medioambiental e o urbanismo sustentabel por riba da construcción salvaxe, Cedeira, que tiña unhas condicions excepcionais para o aproveitamento racional e sustentábel do medio, languidesce presa de si mesma. Moito cemento e pouca xente. Arrepío pensar  o que acobilla o rótulo “Porto Deportivo”.

Déjà vú: con Rubido á frente de Cedeira, que continue sen cambios a liña histórica do urbanismo do PP é, canto menos, pouco tranquilizador. Amizades perigosas, o raposo coidando das ovellas: o primeiro tenente de Alcalde Concelleiro-Delegado de Atención Cidadá, Servizos, Mantemento e Obras é un coñecido promotor inmobiliario experto en atropelar a dar cotoveladas con luvas de seda. E estes señores disque  van defender un urbanismo baseado no crecemento responsábel e na transparencia na toma de decisións, así como na defensa do interese xeral por riba do interese particular. Non é tolerábel cementar máis a vila de Cedeira nin facelo ás costas dos cidadáns. Un alto custo político que nos lastra hai décadas e do que non queremos ou non sabemos ceibarnos,  o mesmo que aconteceu nos breves períodos de alternancia.

Saudade.O activismo de Olláparo pertence a unha xeración que tiña na esquerda a súa avangarda máis activa. O seu regreso está cheo de angueiras e presuncións, mas como continua a haver cousas que non se entenden, ficará á espreita sen medo e sen complexos, denunciando as corruptelas moi ben gardadas por os expertos nelas, e para que a oposición saia da súa rutina e o denuncie alomenos para que esas políticas se revisen. Ainda que non enganan a ninguén, sabemos que xa é tarde de máis para moitas políticas necesarias.

 Licenza de Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-CompartirIgual 3.0 Unported de Creative Commons.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off